A Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) manifesta o seu rexeitamento á Resolución 2797 (2025) do Consello de Seguranza das Nacións Unidas, que renova o mandato da MINURSO para o Sáhara Occidental, ao considerar que supón un grave retroceso por varias razóns fundamentais:
- Este texto, promovido polos Estados Unidos e os seus aliados, desvíase do consenso internacional e o respecto ao Dereito Internacional ao adoptar como base para as negociacións a unilateral “Proposta de Autonomía» de Marrocos, pretendendo recoñecerlle unha soberanía sobre o Sáhara Occidental que non existe.
- A resolución está chea de contradicións que debilitan a súa efectividade; todo indica que é o reflexo de presións e negociacións en base aos intereses xeoestratéxicos do Imperialismo e non dos dereitos do pobo saharauí. A abstención de potencias como a China, a Rusia e o Paquistán, así como a non participación de Arxelia, demostran as profundas divisións no seo do Consello de Seguranza. Órgano que, cómpre lembrar, non é representativo da pluralidade multipolar que se articular no seo da propia ONU.
- Pretende ignorar a doutrina consolidada e coherente das propias Nacións Unidas sobre descolonización e o dereito de autodeterminación, e todas as resolucións sobre o Sáhara Occidental emitidas desde hai anos.
- Diante da inclusión na Resolución da proposta marroquí de autonomía como unha base posíbel para a negociación, desde o BNG sostemos que calquera fórmula de autonomía só pode valorarse no marco do exercicio do dereito á autodeterminación, nunca como unha alternativa ao mesmo. A vontade do pobo saharauí, expresada democraticamente, é a única que pode outorgar validez e lexitimidade a calquera opción política.
- A autodeterminación é un principio xurídico incuestionábel, avalado polo Dereito internacional e por fallos da Corte Internacional de Xustiza, que deixaron claro que a súa esencia reside nunha consulta libre e real á poboación. Non é un concepto subxectivo nin negociábel.
Consideramos, pois, inaceptábel a posición dos sectores dominantes da denominada comunidade internacional, a empezar polo Estado español que pretende entregar o Sáhara Occidental á forza invasora e colonizadora como é Marrocos.
Ante esta situación inxusta, a Executiva Nacional do BNG declara o seu firme compromiso en favor da loita lexítima do pobo saharauí e demanda:
- O cumprimento do “Plan de Arreglo de 1991”, que establece o referendo de autodeterminación como única vía lexítima para resolver o conflito.
- Que o mandato renovado da MINURSO até outubro de 2026, debe ser a celebración deste referendo de autodeterminación que permita ao pobo saharauí decidir, libre e democraticamente, o seu futuro.
- Á Unión Europea e, especialmente, ao Goberno español, que poñan fin á súa complicidade e cumpran as sentenzas do Tribunal de Xustiza da UE, que anulan os acordos de pesca e de agricultura entre a Unión Europea e Marrocos que inclúan ao Sáhara Occidental; pois non tiveron en conta ao lexítimo representante do Pobo Saharauí, o Fronte Polisario, nin contou co consentimento do mesmo.
- O cesamento inmediato da explotación ilegal dos recursos naturais do Sáhara Occidental por parte de Marrocos e as empresas europeas e internacionais que colaboran con el.
- A fin definitiva das hostilidades, agresións e continuadas vulneracións dos dereitos humanos por parte de Marrocos en contra do pobo saharauí.
- Só o pobo saharauí pode decidir o seu propio destino. Un pobo que leva décadas de sufrimento e exilio. A súa firmeza, dignidade e resistencia son un exemplo para todos os pobos que loitan pola súa liberdade. O BNG reafirma a súa solidariedade e o seu compromiso de continuar loitando, nas institucións e socialmente, para que se faga xustiza e o Sáhara Occidental sexa, por fin, libre.
Fuente: Comunicado da Executiva Nacional do BNG en relación ao Sáhara
Descubre más desde
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

